Loiba (pena furada)
Hoxe
encóntrome
lonxe, moi lonxe,
onde o orballo
non é quen de atoparme,
onde as lembranzas
non son quen de ferirme.
Lonxe, moi lonxe,
onde a liña do horizonte
dilúese coas illas,
e os barcos parecen esquecer
cal era o seu destino.
Lonxe, aínda máis lonxe,
nas estrelas da noite furada,
na inmensidade dunha ría
que hoxe asemella esgotada.
Hoxe encóntrome
máis lonxe de ti,
de min,
no fondo dunha cunca
que o meu sentido esmorece.
Lonxe, moi lonxe. (Miguel A. Alonso Diz)
Entre impresionantes acantilados tradeados por covas -chamadas furnas- na súa parte baixa, ábrense ás augas da Ría exterior as praias de O Picón e Coitelo. Nestes areais encontramos un curioso peirao, onde as lanchas están practicamente penduradas da faldra do noiro por roldanas para evitar que as leve a preamar.
A Pena Furada, é unha mole rochosa realmente impresionante.
Cando o mar está axitado, as olas rompen contra a pedra cunha sonoridade e unha paleta de cores alucinante.
Se levantamos a mirada cara o horizonte podemos descubrir na lonxanía o cabo Ortegal, e o seu faro.