Acerca de

Antonio Fernández Martínez
Son un carballés (Sofán, Carballo, A Coruña), nado no rural alá polos anos cincuenta, mestre de profesión, xubilado. Moitas afeccións forman parte da miña vida: o río (nacín e crieime literalmente enriba dun río), o mar (son patrón de embarcacións de lecer ata 12 metros de eslora); o aeromodelismo (constrúo e dirixo avións de radiocontrol); finalmente tamén son piloto de ultralixeiros e piloto de dron, con licenza en vigor.
A miña meta é sempre ser mellor ca onte, non mellor ca ninguén.
Sempre tiven paixón pola fotografía, e gústame empaparme desta atmosfera visual tan cambiante a cada instante, e que nos ofrece tantos matices, tonos, luces e variedades cromáticas, imposible de os captar todos no sensor da cámara, pero chea de gratificantes momentos vividos na realidade e, ás veces, irrepetibles por moito que os intentemos inmortalizar. É aí onde profundiza a maxia. As imáxenes que máis me gustan e que máis practico son as de paisaxe, medio no que atopo sempre a relaxación e motivación necesarias para o desenvolvemento da mesma.
Son autodidacta dentro do que se pode considerar como tal, pero, sobre todo, e moi importante, documéntome con bibliografía sobre o mundo da imaxe. Participo sempre que podo en quedadas con outros afeccionados e teño realizado varios cursos relacionados co tema, é dicir: sigo o que se coñece como a tripla A en formación fotográfica: a) ler o manual da cámara, b) documentarse lendo a otros autores e c) asistindo a múltiples talleres.
Na miña traxectoria coa réflex obtiven o primeiro premio de fotografía no concurso de Fotografía Dixital Costa da Morte, no ano 2013, organizado por Pablo Verdes nun curso impartido por el.
Terceiro premio no concurso de fotografía do concello de Corcubión no ano 2013
Gañador de Dumbría é Verde, no mes de febreiro do ano 2014 dentro do concurso “Dumbría, 12 olladas”
Primeiro premio no concurso de fotografía do concello de Corcubión, decembro de 2014
Premio especial “cromático” no concurso de fotografía concello de Corcubión, decembro de 2014.
Xa coa cámara sen espello:
Primeiro premio no certame “A Laracha no obxectivo no 2021
Segundo premio no 2022 no mesmo certame da Laracha
Premio do programa “O tempo” da TVG no 2022
Tamén me publicaron fotos en diversos medios como o de “Ceos galegos” e a revista do San Xoán en Carballo. Outra fotografía loce nun dos camións do lixo de Carballo.
No ano 2020 no Ceip de Sofán fun relator nun curso dirixido ao persoal docente sobre a fotografía e de como traballala co alumnado
No ano 2022 publicouse o libro Cancioneiro de Buño de Dolores Cancela Pérez, edición literaria de Xosé Manuel Varela Varela, e do que son o autor de todas as fotografías que aparecen no libro sobre a olería, oleiras e oleiros
Simposio sobre o Megalitismo no ano 2022 no Couto (Ponteceso) sobre a creatividade e variedade fotográfica destes elementos patrimoniais.
Programa no Couto (Ponteceso), ano 2022-2023, sobre a Talento interxeracional (o teu talento o meu futuro) desde distintos ámbitos, entre eles a fotografía.
Unhas fotografías para o libro Atlas Sensorial dunha Costa da Morte de Héctor e Txema
En abril do 2024, en Cores (Ponteceso), na Asociación Cultural e Veciñal A Coteleira, Unha ollada fotográfica á obra escultórica de Xosé Manuel Castro.
En 2024 foto a RTVE para amosar no programa La aventura de Fotografiar
Colaborador gráfico na revista As Mallas de Area de Malpica
A exposición naceu como “TRECE LUCES NA NOSA COSTA” representa as imaxes dos seguintes faros: Illas Sisargas (Malpica), Punta Nariga (Malpica), O Roncudo (Corme,Ponteceso), Laxe, Cabo Vilán (Camariñas), Punta da Barca (Muxía), Touriñan (Muxía), Fisterra, Illas Lobeiras (Corcubión), Cabo de Cee (Corcubión), Punta Insua (Lariño, Carnota), e foi mudando a “Sol, lúa, estrelas e paisaxe”. Levo feitas exposicións en Carballo (2), Faro Vilán (Camariñas), Vello Cárcere de Corcubión, Malpica, Ponteceso (2), Caión (A Laracha), Cee e Vimianzo.
Como afeccionado á fotografía, quero amosar, a través da miña web www.antoniofernandez.eu e Facebook https://www.facebook.com/share/173wG2f8KC/ unha serie de retallos fotográficos co fin de dar a coñecer a nosa marabillosa contorna, enclave privilexiado e ben denominado Costa da Morte; ademais dalgún que outro retrinco por otros lares máis distantes da bisbarra, pero merecedores igualmente de seren admirados e de desfrute pola enorme riqueza paisaxística, humana, cultural e sobre todo porque son bens patrimoniais de noso e de toda a humanidade.
Espero que as fotos sexan do voso agrado e grazas polo voso tempo.
Un cordial saúdo,
Antonio Fdez.
(Tfno.: 649 806 019. E-mail: afm5566@gmail.com)