Ponte Romana (Carballo)


A ponte de Lubiáns, ou Ponte Romana, salva o río Rosende, afluente do Anllóns, e marca o límite entre os concellos  de Carballo e Coristanco. Con pouco máis de dous metros e medio de ancho, é unha das pontes históricas máis estreitas de Galicia.

Hai especialistas que sitúan a orixe desta ponte na época romana. Non obstante, o asunto dá lugar a disparidade de opinións. Hai quen a considera medieval ou incluso posterior, do século XVIII.

A ponte Lubiáns leva á  imaxinación á época das grandes calzadas romanas. Din que a Per Loca marítima atravesaba Gallaecia de Norte a Sur e cruzaba o río Rosende neste punto. Séculos despois, era o camiño real que ía da Coruña ata Fisterra, atravesando por Viaño (A Laracha), A Feira de Verdillo,  A Brea, e que discurría por aquí, segundo nos conta o autor Carré Aldao. Aínda que non hai certezas que apoien a teoría de Carré é innegable o gran valor histórico e estético deste monumento.

A estrutura actual é de marcado estilo medieval. A ponte Lubiáns ten unha lonxitude de 40 metros e consta de catro arcos de medio punto asimétricos e lousas na calzada, os dous maiores cunha luz aproximada duns 7 metros, e a dos menores de 5,5 e 3,5 metros, respectivamente. O punto de maior altura encóntrase sobre a pía que separa os dous arcos maiores. O piar central está protexido cun contraforte, triangular augas arriba e semicircular augas abaixo, que aparece adosado ás bóvedas, o que reafirma a opinión de que foron froito dunha reconstrución.


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies