Acerca de


afm-acercade-1920


Son un carballés, nacido no rural alá polos anos cincuenta, mestre de profesión. Moitas afeccións forman parte da miña vida: a pesca de río (nacín e crieime literalmente enriba dun río) a pesca de mar desde embarcación, (son patrón de embarcacións de lecer ata 12 metros de eslora); o aeromodelismo (constrúo e dirixo avións de radiocontrol); finalmente tamén son piloto de ultralixeiros.

Sempre tiven pasión pola fotografía, e gústame empaparme desta atmosfera visual tan cambiante a cada instante, e que nos ofrece tantos matices, tonos, luces e variedades cromáticas, imposible de os captar todos no sensor da cámara, pero chea de gratificantes momentos vividos na realidade e, ás veces, irrepetibles por moito que os intentemos inmortalizar. É aí  onde profundiza a maxia. As imáxenes que máis me gustan e que máis practico son as de paisaxe, medio no que atopo sempre a relaxación e motivación necesaria para o desenvolvemento da mesma.

Son autodidacta e documéntome con bibliografía sobre o mundo da imaxe. Participo sempre que podo en quedadas con outros afeccionados e fixen múltiples cursos relacionados co tema. Na miña curta traxectoria coa réflex obtiven o primeiro premio de fotografía no concurso de Fotografía Dixital Costa da Morte, no ano 2013, organizado por Pablo Verdes; Terceiro premio do concurso de fotografía do concello de Corcubión no ano 2013; Gañador de Dumbría é Verde, mes de febreiro do ano 2014 dentro do concurso “Dumbría, 12 olladas”; Primeiro premio do concurso de fotografía do concello de Corcubión, decembro de 2014, e premio especial “cromático” do concurso de fotografía concello de Corcubión, decembro de 2014. Tamén me publicaron fotos en diversos medios e programas.

Como afeccionado á fotografía, quero amosar, a través desta web e por medio desta fermosa arte, unha serie de retallos fotográficos co fin de dar a coñecer a nosa marabillosa contorna, enclave privilexiado e ben denominado Costa da Morte; ademais dalgún que outro retrinco por otros lares máis distantes da bisbarra, pero merecedores igualmente de seren admirados e de desfrute pola enorme riqueza paisaxística, humana, cultural e sobre todo porque son bens patrimoniais de noso e de toda a humanidade.

Espero que as fotos sexan do seu agrado. Grazas polo seu tempo.


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies